Benvidos ao Departamento de Tradución e Lingüística
O Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo creouse en 2001. Nel conflúen as áreas de Lingüística Xeral e de Tradución e Interpretación, cuxas sinerxías resultan fundamentais para a comprensión e a comunicación eficaz nun mundo globalizado. Na área de Lingüística Xeral estúdase de forma científica a linguaxe en todas as súas dimensións, incluída a lingua de signos. Pola súa parte, na área de Tradución e Interpretación explóranse os diferentes modos de construír pontes lingüísticas e culturais en catro linguas estranxeiras e nas dúas cooficiais en Galicia en diversos soportes: escrito, oral, audiovisual, tecnolóxico, etc., con énfase na tradución e na interpretación.
Os grupos de investigación do departamento desenvolven diferentes liñas de investigación, participan en iniciativas de innovación docente e en proxectos con dimensión social que poden consultarse no apartado correspondente, o que pon de manifesto un firme compromiso coa excelencia. A través da formación continua e da súa aplicación na aula, aspírase a impartir unha docencia de calidade en liña cos últimos avances didácticos e pedagóxicos.
O profesorado imparte a docencia en graos (Tradución e Interpretación, Filoloxía Aplicada Galega e Española e Linguas Estranxeiras), másteres (Lingüística Aplicada [MILA], Tradución Multimedia [MTM] y Tradución para a Comunicación Internacional [MTCI]), doutoramentos (Comunicación, Estudos Lingüísticos e Tradución y Paratradución) e títulos propios (Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo e Experto en Interpretación Simultánea Profesional). Tamén se dedica á investigación nas áreas de Tradución, Interpretación e Lingüística e á transferencia de coñecementos á sociedade.
O MTCI é un Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia e membro da prestixiosa rede de másteres europeos en tradución European Master’s in Translation da Direción Xeral de Tradución da Comisión Europea. O MTM está entre os másteres con maior taxa de ocupación (85,7 %) e, en canto á situación das persoas tituladas, a taxa de desemprego das mesmas é das máis baixas (12,5 %), conforme o informe de Inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos de mestrado. Así mesmo, no tocante á taxa de satisfacción, de acordo co Informe de satisfacción das persoas tituladas, o MILA e o MTM son os másteres do ámbito Artes-Humanidades cos mellores datos en relación coa valoración da formación adquirida e o cumprimento das expectativas.
O compromiso do departamento cunha formación profesional e científica de excelencia vése reflexado na súa participación en máis de 214 proxectos de investigación, nas máis de 884 publicacións dos seus membros, as máis de 44 teses dirixidas e as máis de 50 bolsas concedidas ao seu estudantado.
O departamento é, en cuestións técnicas, un interlocutor de referencia da Xunta de Galicia, das deputacións e dos concellos galegos na elaboración de decretos, convocatorias de probas, convocatorias de prazas, etc. Este departamento mantén un diálogo continuo con centros de educación primaria, secundaria e bacharelato (proxectos STEMbach), asociacións culturais e diferentes ONG mediante a colaboración do estudantado con entidades como Médicos del Mundo, Cruz Roja ou Providencia, a través de actividades de diversa índole (charlas, conferencias, mesas redondas, etc.) Os seus membros tamén participan en diferentes comisións da Asociación Española de Normalización y Certificación (AENOR) e da Asociación Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA). Convén mencionar, ademais, a colaboración co Centro de Normalización Lingüística de Lengua de Signos Española (CNLSE) en termos de investigación e difusión da lingua de signos.
No informe de Inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos de grao figura información de interese sobre todos os nosos títulos. Canto a Tradución e Interpretación, o 60 % realiza estudos de máster, a taxa de desemprego é do 5 %, o 10 % oposita e o tempo de procura de traballo está entre 6 e 12 meses.
Dende a Dirección do Departamento convidámosvos a descubrir a intensa actividade e dedicación do noso profesorado na procura da excelencia, así como a explorar as oportunidades de formación no ámbito da tradución, interpretación, linguas e lingüística. Estas oportunidades están dispoñibles non só a través dos estudos na Facultade de Filoloxía e Tradución, senón tamén no estranxeiro en estancias ERASMUS ou similares en destinos cos que existen convenios de intercambio a través de prácticas que conectan o mundo académico co profesional.
Facultade de Filoloxía e Tradución – Universidade de Vigo
Praza das Cantigas, s/n
36310 – Vigo (Pontevedra)
Teléfonos: 986 81 23 71 – 986 81 37 99
Correo electrónico: udhumanidades@uvigo.gal
