AETER
Presentación de AETER
A Asociación Española de Terminología (AETER) creouse en 1997 en Madrid por iniciativa de persoas e institucións interesadas no estudo da terminoloxía e das linguaxes de especialidade, así como na elaboración e consulta de recursos terminolóxicos en español xunto coas outras linguas de España.
AETER é unha asociación de ámbito nacional, sen ánimo de lucro, cuxos principais obxectivos son desenvolver e promover a terminoloxía como disciplina, estimular a elaboración dos recursos terminolóxicos necesarios e difundir os recursos existentes.
Membros e afiliación
AETER recolle nos seus estatutos a pertenza como membros individuais ou institucionais. A afiliación dá dereito a asistir ás xornadas anuais da asociación de maneira gratuíta, así como a participar nos seus proxectos. A inscrición realízase mediante un boletín de inscrición e o pago dunha cota.
Entre os seus membros atópanse a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e a Real Academia Española, varios departamentos e institutos de distintas universidades, a Asociación Española de Normalización y Certificación (AENOR), os centros de terminoloxía doutras linguas de España (TERMCAT, UZEI e TERMIGAL) e diversas entidades privadas do ámbito das industrias da lingua e da edición.
O Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo é membro de AETER dende 2018 e está representado pola profesora de terminoloxía do Grao en Tradución e Interpretación (Iolanda Galanes Santos).
Actividade
AETER organiza de maneira regular xornadas de terminoloxía coa finalidade de facilitar o intercambio científico e concienciar as entidades que xeran e consumen terminoloxía da importancia que esta ten na comunicación e na divulgación nos ámbitos de especialidade. Nestas xornadas trátanse temas relacionados coa terminoloxía en calquera das súas vertentes, tanto teóricas como prácticas e aplicadas. Así mesmo, a asociación participa en reunións, congresos e outras actividades relacionadas coa terminoloxía e materias afíns.
AETER mantén relacións con organismos, asociacións e organizacións autonómicas, nacionais e internacionais para favorecer a coordinación do uso común das linguas especializadas. Forma parte da Red Iberoamericana de Terminología (RITerm) e da Rede Panlatina de Terminoloxía (REALITER) Ademais, é membro, en relación de reciprocidade, da Societat Catalana de Terminologia (SCATERM).
Tamén participa no Comité 191 UNE de AENOR, onde exerce a secretaría. Na actualidade colabora con outras entidades na ampliación do proxecto TERMINESP para crear un sistema de extracción e validación de datos terminolóxicos mediante intelixencia artificial e un metabuscador de terminoloxía en varios corpus públicos e privados.
